TREIXADURA presentando o disco: ESA SI QUE É MUIÑADA LOGO
Descripción
flag

TREIXADURA constitúe dende 1990, un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita.

TREIXADURA é sinónimo de música tradicional, ritmos, cantigas e instrumentos galegos que encaixan tanto nas romarías máis populares  coma nas festas e eventos urbanos, co obxectivo de que o público goce  bailando, cantando e escoitando a música dos seus 15 compoñentes que, provindo de propostas musicais variadas, teñen en común o gusto e o respecto pola música tradicional, motivo abondo para  que hoxe representen e dignifiquen este proxecto. 20 anos de gravacións e concertos, 5 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas, e vida en común. Dúas décadas compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.

O NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO: "Esa si que é muiñada". (Treixadura, 2011) é un traballo que pretende revivir a música e os cantos populares que aínda se agochan no substrato dun pobo que garda con celo o seu patrimonio cultural.

Para desenvolver toda esta declaración de intencións o grupo conta coa colaboración dos coros decanos galegos "Cantigas e Agarimos" (Santiago de Compostela) , "Cántigas da Terra"  (A Coruña), "Real coro Toxos e Froles" (Ferrol), a "Coral De Ruada"  (Ourense) e a "Agrupación Musical de O Rosal" (O Rosal, Pontevedra)

"Esa si que é muiñada" é hoxe unha lúa crecente, case chea, que albisca a fin dun ciclo e, ao tempo, o inicio dun novo.

Os cantos que aínda hoxe viven nas tabernas, nos seráns, nos gaiteiros, nos coros, nas bandas, que permanecen en nós desde a noite dos tempos de man da tradición oral, os libros e a música.

O grupo Treixadura está formado por:

Toniño López: Tambor

César Longa: Acordeón

Pablo Nogueira: Gaita

Magoia Bodega: Gaita e bombo

Xaquín Xesteira: Gaita

Orfeón Treixadura (10 voces): Alberte Raposo, Delio Domínguez, Toño D. Fontenla, Moncho Marín, Álvaro Lamas, Gustavo Cuntín, Mingos Lorenzo, Antón Cabaleiro, Xurxo Raposo e Pablo Rei.